Escoitar

O goberno de Vigo aproba as bases para conceder axudas de libros e comedor escolar

A Xunta de Goberno Local aprobará as bases na súa sesión deste xoves, segundo avanzou hoxe mércores Abel Caballero. Desde a publicación da convocatoria no BOP, as solicitudes poderán presentarse durante vinte días hábiles. O Concello outorgou no curso que finaliza máis de 4.500 axudas, sen lista de agarda.

mércores, 29 mai 2019
O alcalde en funcións informou este mércores da próxima aprobación das bases que regulan a concesión das axudas de libros, material e comedor escolar nos centros públicos e concertados de segunda etapa de Infantil, Primaria e Secundaria de Vigo, de cara ao curso 2019-2020.

O importe desta convocatoria ascende a 1.205.000 euros, que poden incrementarse en 120.000 euros máis co obxectivo de poder atender todas as solicitudes que cumpran cos requisitos. Ademais, o Concello adica á mesma finalidade 606.000 euros a través de FOANPAS, co que o importe total do que o Concello dispón para bolsas de libros e comedor escolar roza os dous millóns de euros. No presente curso escolar que remata, o goberno de Vigo outorgou axuda de libros e comedor a 4.512 alumnos.

Bono taxi
Por outra banda, Abel Caballero trasladou que o Boletín Oficial da Provincia publica hoxe mércores a convocatoria municipal de subvencións do bono taxi, un medio alternativo de transporte adaptado a persoas con discapacidade na súa mobilidade.

O orzamento municipal ao efecto ascende a 25.000 euros e a concesión é en réxime de concorrencia competitiva. O prazo de presentación de solicitudes comeza este xoves, 30 de maio, e estará aberto durante 20 días naturais.