Escoitar

Caballero: "O reinvestimento do superávit aprobado hoxe é a mellor noticia para cidadanía e concellos"

Para o Presidente da FEMP "o Goberno cumpriu coas entidades locais" que poderán "prestar máis e mellores servizos". Amais, subliña que co reinvestimento xerarase emprego e "os concellos seguiremos á cabeza da recuperación económica"<br />

venres, 29 mar 2019
Como gran noticia para cidadanía e Concellos cualificou o presidente da FEMP, Abel Caballero, o anuncio formulado esta mañá pola Ministra María Jesús Montero en relación coa aprobación do Real Decreto-Lei que permitirá aos gobernos locais reinvestir en 2019 os 6.292 millóns de euros de superávit alcanzados en 2018. A xuízo de Caballero, con esta medida "os concellos poderemos prestar máis e mellores servizos á cidadanía" porque, explicou "autorízanos para gastar na nosa xente".

A norma permitirá destinar esta cantidade a inversións financeiramente sostibles que "nos permitirán ofrecer máis e mellores servizos á cidadanía" en materias como sanidade, educación, cultura, seguridade ou protección civil. Caballero subliñou que, con esta medida cada consistorio tomará as súas decisións de inversión, e isto xerará novos empregos e permitirá que "os concellos sigamos á cabeza da recuperación económica".

Neste sentido, reiterou que os gobernos locais son "a administración máis seria, solvente e cumpridora" que, co seu bo facer, "achegamos medio punto do PIB aos resultados económicos que España presenta en Bruxelas".

A posta en marcha da medida anunciada hoxe pola Ministra María Jesús Montero xa fora comunicada ao presidente Caballero, que así o fixo saber o pasado martes 26 aos membros da Xunta de Goberno da Federación. Co acordo alcanzado hoxe polo Executivo, manifestou Caballero, "o Goberno cumpriu coa súa promesa".