Vigo suma un novo recoñecemento polas luces de Nadal, o Premio Nacional de Comercio Interior
O alcalde avanzou esta mañá que Vigo recibirá o próximo mércores 20 de marzo o Premio Nacional de Comercio Interior polo éxito da iluminación de Nadal. Este recoñecemento súmase ao que vén de recibir a pasada fin de semana de mans da Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia, como Mellor Proxecto de Iluminación.
O Concello de Vigo recibirá o mércores 20 de marzo en Madrid o Premio Nacional de Comercio Interior, concedido polo Ministerio de Industria e Comercio. Este "premio de importancia excepcional" vense sumar ao recibido a pasada fin de semana en Santiago de Compostela, cando a Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia outorgou a Vigo o galardón ao Mellor Proxecto de Iluminación. A organización destacou que a iluminación de Nadal de Vigo converteuse en referencia, obtivo un espectacular impacto en medios de comunicación, ademais de incrementar o número de visitantes á cidade e de fomentar o comercio vigués. O rexedor amosou a súa satisfacción por estas distincións porque "incorporamos un concepto moderno de luces, cultura, festa e sentimento de Nadal, para convertelo nun gran espazo festivo durante mes e medio ao que acudiu toda Galicia e gran parte de España".