Escoitar

O goberno de Vigo ultima a recuperación da edificabilidade en case que 50.000 parcelas

O Concello, que xa conta cunha decena de informes sectoriais, traballa na notificación dos propietarios pendentes (o 19% do total) a través do BOE e na resolución das alegacións presentadas. Abel Caballero subliñou o "nivel de acordo" dos titulares cun proxecto municipal que devolverá a edificabilidade en máis dun terzo da cidade.

xoves, 14 feb 2019
1550152651rueda.JPG
Segundo indicou este xoves o alcalde, o goberno vigués deu conta no Consello da Xerencia de Urbanismo do estado de tramitación da ordenación provisional, unha ferramenta urbanística que permitirá edificar en entre 45.000 e 50.000 parcelas, é dicir, a recuperación dun terzo da edificabilidade recollida no anulado Plan Xeral de 2008.

Explicou Abel Caballero que o goberno vigués remitiu 46.011 notificacións a titulares catastrais, dos que 35.393 foron por carta e 1.737 por vía electrónica, mentres que 7.737 non a recolleron e 1.144 non foron localizados. Así, o 81% dos propietarios está comunicado e o 19% restante, será publicado no Boletín Oficial cun prazo de 20 días hábiles para alegacións. A este respecto, o rexedor puxo en valor que "só" foron presentadas 387 alegacións das case que 40.000 notificacións entregadas, o que evidencia o "nivel de acordo" da propiedade con este proxecto municipal.

En terceiro lugar, o alcalde avanzou a recepción de case que unha decena de informes sectoriais favorables, en particular da Dirección Xeral de Emerxencias, do Instituto de estudos do Territorio, dous da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de Portos de Galicia (inicialmente desfavorable mais coas modificacións requiridas xa incluídas), da Dirección Xeral de Telecomunicacións, da Deputación de Pontevedra, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Caballero concluíu que a ordenación provisional está "moi avanzada" e confiou en que "moi pronto" poida estar en aplicación. Unha vez aprobada, recordou o alcalde, Vigo recuperará a capacidade de edificar no 24% do seu termo municipal, cantidade que ascenderá ao 38% contando cos plans especiais do Casco Vello e das zona histórica de Bouzas.
Descargar todas as imaxes