Escoitar

O Concello require á Xunta de Galicia a construción dun instituto en Navia

O alcalde anunciou este xoves o envío dunha carta ao goberno de Núñez Feijóo solicitando un instituto para o populoso barrio vigués. Ademais, o goberno de Vigo demanda á Xunta que, mentres constrúe o instituto, o alumnado de Navia poida estudar en centros de Secundaria próximos á zona.

xoves, 14 feb 2019
Abel Caballero informou hoxe xoves do envío dun escrito á Xunta de Galicia esixindo a construción dun instituto en Navia, un dos barrios máis novos e populosos de Vigo e para o que o Concello cedería un terreo.

O alcalde demandou á Xunta que comece as obras e, "mentres se inicia esa construción, que busque unha alternativa para que os mozos e mozas de Navia, que veñen do colexio Rodríguez Castelao, poidan facer ensino de Secundaria no entorno de Navia". A finalidade da proposta municipal é evitar que o alumnado "teña que coller un autobús e percorrer oito ou dez quilómetros, porque é intolerable".

"A Xunta de Galicia está aforrando diñeiro a costa dos cidadáns de Navia en Vigo", aseverou Abel Caballero, quen engadiu que o goberno de Núñez Feijóo debe "restablecer o ensino secundario nalgún instituto da proximidade, que o había e o ano pasado o retiraron", asegurou. "Que o repoñan", concluíu.