Escoitar

Caballero cita a "excelencia" hostaleira como parte da nova "pata turística" de Vigo

O alcalde participou este mércores na entrega de premios da quinta edición do Concurso de Tapas de Vigo, o Petisquiño, organizado por Feprohos en colaboración co Concello. Abel Caballero enxalzou o crecemento "notable" do turismo na cidade, que responde en parte á "calidade" e "excelencia" da hostalería viguesa.

mércores, 21 nov 2018
1542808845211118PETISQUInO.jpg
O concurso naceu hai cinco anos co obxectivo de poñer en valor a gastronomía da cidade e incentivar o consumo, co ánimo de converterse en referencia do calendario gastronómico e turístico vigués. Na edición deste ano participaron 62 establecementos hostaleiros e a organización, que contou un ano máis co apoio do Concello de Vigo, concedeu premios ás cinco mellores tapas, ademais dalgunhas distincións singulares e premios para o público participante.

En declaracións posteriores ao acto, Abel Caballero definiu o concurso como unha "fórmula magnífica" de entender a hostalería como o turismo. O alcalde puxo en valor que Vigo está a crear a súa "pata turística", "tan importante" para a economía e da que ata o momento a cidade carecía.

Co candidatura das illas Cíes a Patrimonio da Humanidade, a iluminación de Nadal ou as festas de verán, anotou o rexedor, Vigo está a conseguir creala e xa rexistra un "repunte notable" do turismo. A "gran relación calidade-prezo" e a "excelencia" do sector hostaleiro vigués está a contribuír ao desenvolvemento turístico da cidade, asegurou Caballero.
Descargar todas as imaxes