Escoitar

Caballero inaugura "Pantoque", a mostra que converte o MARCO nun estaleiro

Abel Caballero inaugurou este venres a exposición "Pantoque" no Museo de Arte Contemporáneo (MARCO) de Vigo, unha mostra que cualificou coma "excepcional" por converter a sala nun estaleiro. "É a mellor exposición de barcos do mundo", sinalou.

venres, 16 nov 2018
1542376705161118expomarco.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este venres a mostra "Pantoque" no Museo de de Arte Contemporáneo (MARCO) na que os artistas vigueses Ramón Trigo e Eduardo Armada amosan o seu traballo realizado durante doces meses no Estaleiros Armada da cidade.

"É a mellor exposición artística de barcos do mundo, posiblemente a única que consegue converter un museo no estaleiro", sinalou o rexedor durante a presentación na que tamén estivo o comisario Eduardo Berea e o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez.

A mostra inaugurouse este venres e estará aberta ata o vindeiro 31 de marzo planta baixa do museo. Ademais, a exposición alóngase no tempo, con intervencións periódicas por parte do artista, desde a semana inaugural ata a data de clausura. Xunto ás obras en exposición -pintura, debuxo, escultura, fotografía, vídeo—, a mostra inclúe unha intervención de Ramón Trigo nun dos muros.

Sobre "Pantoque"
"Pantoque" é un proxecto creativo multidisciplinar, desenvolto polo artista plástico Ramón Trigo e o fotógrafo e realizador audiovisual Eduardo Armada. A idea primixenia é a realización dun proxecto artístico de investigación baseado na confluencia de dous modos de narración que parten dunha mesma realidade compartida: explorar coa linguaxe plástica e visual sobre o tanxible, o espazo arquitectónico e o proceso de traballo dun estaleiro.

A través da observación da actividade diaria e a relación do ser humano co feito construído e o mar, ambas as linguaxes interrelaciónanse na procura dun lugar común. O espazo elixido é Estaleiros Armada, situado en Bouzas, Vigo, desde os anos vinte, e con case un século de vida tras tres xeracións dunha familia inexorablemente unida ao mar e á historia da cidade.

En setembro de 2016, Ramón Trigo traslada o seu taller a Estaleiros Armada. Alí, durante doce meses convivirá cos traballadores reinterpretando a actividade da empresa tamizada pola súa visión plástica. Ao mesmo tempo Eduardo Armada documenta en vídeo e fotografía toda a acción. O proceso os converte nun solo home. O artista e a súa sombra. Dúas formas visuais de narración onde a pintura suxire o vídeo e a fotografía documentan.
Descargar todas as imaxes