Escoitar

O Concello de Vigo encarga o proxecto da nova biblioteca pública municipal de Teis

O Goberno de España cedeu de balde ao Concello o antigo ambulatorio de Teis, en Enrique Lorenzo 54, acordo xa formalizado pola Xunta de Goberno Local . O alcalde anunciou este venres o encargo da redacción do proxecto.

venres, 16 nov 2018
1542376765161118roldaprensa.jpg
A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves aceptou e formalizou a cesión gratuíta do inmoble, propiedade da Tesourería da Seguridade Social, segundo informou este venres o alcalde, quen xa deu instrucións de redactar o proxecto para a súa conversión en biblioteca pública municipal.

Recordou Abel Caballero que a cesión do edificio fóra negada ata en dúas ocasións polo anterior goberno presidido por Mariano Rajoy, operación retomada co novo executivo de Sánchez e que culmina agora coa formalización da transmisión da titularidade, feito que agradeceu o alcalde.

"Xa non estou falando de promesas, estou falando de que hoxe o edificio do antigo ambulatorio de Teis é do Concello de Vigo. E unha vez que xa é noso, di instrucións para a elaboración do proxecto dunha biblioteca", explicou Caballero, previo á licitación e obra.

Auga
O goberno vigués, segundo indicou este venres o rexedor, tamén validou o proxecto de substitución da rede de abastecemento entre o número 171 da Avenida de Galicia e o colexio San Salvador de Teis. O investimento municipal ascende a 53.000 euros.

A actual canalización é de fundición e está obsoleta, abondou Caballero, "intolerable" na entrada dun centro educativo, polo que o Concello renovará preto de 200 metros de rede.
Descargar todas as imaxes