Escoitar

O Concello iniciará o programa de edificación forzosa coa poxa pública de soares abandonados no Casco Vello, Bouzas e Ensanche

Abel Caballero adiantou este venres que o Concello de Vigo xa dispón dun listado previo con 26 soares e inmobles para ser incluídos no programa municipal de edificación forzosa. O alcalde explicou que a medida ten como obxectivo eliminar as parcelas "abandonadas e en pésimo estado do centro da cidade".

venres, 2 nov 2018
1541167584021118Alcalderueda.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou na rolda de prensa celebrada este venres que o Concello xa dispón dun listado previo no que figuran 26 parcelas do Casco Vello, Bouzas e Ensanche que son susceptibles de entrar no rexistro de soares abandonados que se creará co programa municipal de edificación forzosa.

Segundo explicou o rexedor, os propietarios dos soares en mal estado será notificados para que documenten o desenvolvemento urbanístico da súa parcela e, en caso contrario, o Concello disporá dun prazo dun ano para convocar unha poxa pública. A contía fixada será para o dono, mentres que o comprador quedará obrigado a iniciar a obra nos doce meses seguintes.

"Este programa é da maior importancia, estamos no momento previo e por agora marcamos este perímetros pero non descartamos ampliar a outras zonas para evitar que haxa deterioro urbano e parcelas abandonadas e en pésimo estado no centro da cidade", sinalou Caballero.

O Concello delimitou as áreas prioritarias de edificación forzosa ao Casco Vello, Bouzas e Ensanche, onde existen parcelas con ruínas, soares sen edificar desde hai moitos anos, pero ademais ten previsto incorporar outros ámbitos con especial deterioro urbano, como algunha parcela situada entre Praza de Santa Rita e antigo hospital Xeral.

O alcalde tamén explicou que a Xerencia de Urbanismo abrirá un período de información pública cun prazo de 20 días hábiles desde a publicación do anuncio e todo o proceso para a aprobación definitiva polo Consello de Xerencia estará finalizado en aproximadamente dous meses e medio. A Ordenanza Reguladora do Rexistro Municipal de Soares xa foi aprobada con carácter definitivo polo Pleno do Concello o pasado 30 de maio.

Listado previo de soares
No listado previo de soares susceptibles de incluír no rexistro aparecen 26 inmobles dos que non existe constancia da intención de edificar e o inmoble atópase en mal estado. As parcelas son as seguientes: Areal 12 e 34, Alfonso XIII 36, Pazo 17 (Bouzas), Vázquez Varela 14, Rogelio Abalde 19 e 21, Rúa Alta 8, 10 e 12, Abeleira Menéndez 9 e 14, Ferrería 1, 43 e 49, Subida Castelo 9 e 11, Canellón Estreito 10, Poboadores 29, Rúa Perigos 5, 7 e 9, Real 20, Sombrereiros 4, Joaquín Yáñez 9 e Praza da Constitución 11.
Descargar todas as imaxes