Escoitar

Caballero da por feita a continuidade da Semana do Atlántico de vela lixeira, que comeza este venres na Ría de Vigo

A Semana do Atlántico presentouse hoxe mércores no Salón Nobre do Real Club Náutico de Vigo con total respaldo institucional, federativo e empresarial na que será a súa decimonovena edición. Por primeira vez esta iniciativa está organizada pola Fundación Club Náutico de Vigo, co apoio do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra.

mércores, 17 out 2018
1539791563vela.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pechou un acto aberto polo vicepresidente da sociedade, José Antonio Portela, dando "moito valor" ao patrocinio "da actividade privada nos actos deportivos", en referencia ao apoio da firma Agua de Sousas ao evento, e augurou a continuidade no tempo da Semana, afirmando que "a gran revolución que é o deporte" tamén alcanza á vela.

O campionato, que conta como é habitual con tres ciclos competitivos coincidentes con outras tantas fins de semana consecutivas, dúas na Ría de Vigo (19, 20 e 21 de outubro e 2, 3 e 4 de novembro) e unha en Viana do Castelo (Portugal), do 26 ao 28 de outubro, moverá na suma das dúas citas viguesas a uns 460 barcos e 600 regatistas (130 unidades esta fin de semana e 330 Optimist en novembro) de polo menos once países (España, Portugal, Letonia, Noruega, Gran Bretaña, Irlanda, Bélgica, Italia, Malta, Mozambique e India) a falta de que este xoves se pechen as inscricións. Fontes da organización avanzaron que na recta final do prazo estanse a recibir numerosas solicitudes para disputar o tradicional trofeo, que por cuarto ano consecutivo crece en número de inscritos.

A Semana, presentada por Agua de Sousas, reúne este outono un feixe de títulos de prestixio: ademais dos propios do certame para cada clase (Láser, Finn, 420, Snipe, Vaurien e Optimist) pon en xogo o Campionato Ibérico de Vaurien, a tradicional confrontación entre as flotas de España e Portugal, e os Campionatos de Galicia de 420 e de Láser. A maiores, as probas de Optimist de Viana (Trofeo Cidade de Viana) e Vigo (Meeting Internacional Cidade de Vigo) proclamarán o vencedor da Semana nesa categoría de formación, que abre igualmente o exclusivo circuíto Optimist Excellence Cup, un open internacional que consta de catro probas en augas españolas e que arrinca en Vigo.

O crecemento da competición, que é o 43 Trofeo Martín Barreiro de vela lixeira (creouse en 1974 para os Snipe e a partires de 1980 empezou a admitir outros tipos de barco), resulta imparable. Dende 2014 o evento traspasa os límites da ría para facerse internacional coa mutua colaboración entre o Real Club Náutico de Vigo e o Clube de Vela de Viana do Castelo, que celebra xa a súa quinta edición do Troféu Cidade de Viana do Castelo, de feito o mellor evento de Optimist de Portugal con 230 barcos de sete países).

Descargar todas as imaxes