Escoitar

O goberno de Vigo celebra o "prestixio" do Maratón Fotográfico, que acada a súa 23ª edición

O edil de Cultura, Cayetano Rodríguez, ofreceu "seguir colaborando" cun evento consolidado, "sinal de éxito, prestixio e recoñecemento", que "goza da complicidade" dos amantes da fotografía. O Maratón Fotográfico terá lugar o 29 e 30 de setembro, 24 horas para retratar catro temáticas secretas, con 1.000 euros para o gañador. <br />

venres, 14 set 2018
1536931029maraton.JPG
O Maratón Fotográfico Concello de Vigo chega á súa 23ª edición froito da colaboración do goberno vigués e da Agrupación Fotográfica Galega, cooperación que "mellora cada ano", en verbas do concelleiro.

O presidente da Agrupación, Jesús Nieto, agradeceu o apoio do Concello, "patrocinador principal" tanto en orzamento como e cesión de espazos, "indispensable" para o "éxito" da actividade e a súa consolidación.

Segundo explicou Nieto, este Maratón opera como un concurso no que os participantes teñen 24 horas para fotografar catro temas que coñecerán no momento, co único límite do termo municipal de Vigo. A organización agarda contar coa participación de entre 150 e 175 amantes da fotografía, pois actualmente son xa 50 os inscritos. O Maratón concede 1.800 euros en premios, 1.000 para o primeiro clasificado.

Como novidades deste ano, o espazo anexo do MARCO será o recinto no que se exporán as fotografías seleccionadas. Está a ser adecuado para que se estree coa mostra de fotografía saída da 23ª edición do Maratón. Ademais, engadiu o presidente da Agrupación, haberá unha exposición retrospectiva dos últimos cinco anos da cita.
Descargar todas as imaxes

Máis información