Escoitar

Caballero reclama o aumento do orzamento do Consorcio do Casco Vello ata os 2,5 millóns de euros

Caballero criticou a actividade do Consorcio do Casco Vello que está "practicamente paralizado" tal e como demostra os 400.000 euros de previsión de investimentos para o ano 2019. Solicitará unha reunión "urxente" para pedir que este orzamento se eleve a 2,5 millóns e que se faga unha nova achega de capital de 5 millóns.

xoves, 13 set 2018
O Consorcio está "practicamente paralizado" o que supón que a recuperación e rehabilitación dos edificios do Casco Vello tamén parada, dixo esta mañá o rexedor asegurando que a proba desta afirmación son os 400.000 euros que figuran na previsión de inversión que este organismo ten para o ano 2019, xa que se adica "máis ao gasto corrente da entidade que a rehabilitar vivendas". Caballero, quen amosou o seu "absoluto desacordo" con esta situación, avanzou que solicitará unha reunión "urxente" para pedir o aumento do orzamento ata os 2, 5 millóns de euros e destacou que o organismo ten en caixa 7 millóns que non gasta porque aínda vive coa achega de capital de 20 millóns que fixo no seu momento o ex presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño.

Para o rexedor, é preciso facer unha nova achega de capital de 5 millóns e "que se invistan" para acelerar a recuperación do Casco Vello, nun momento no que "xa está desatascado o Barrio do Cura e a Panificadora".