Escoitar

Caballero garante "apoio incondicional" aos traballadores no seu conflito contra Dornier

O alcalde trasladou este mércores o "apoio incondicional do goberno dentro da lei" aos traballadores de Dornier, xestora da zona azul, en folga indefinida en protesta por oito despidos. Logo da intervención do seu representante no Pleno, o goberno de Vigo recordou que ten en marcha un expediente contra a empresa: "isto vaise arranxar. Mentres sexa alcalde, os traballadores estarán na primeira liña da acción do goberno", concluíu Abel Caballero.

mércores, 5 set 2018
O voceiro dos traballadores da XER (Xestión de Estacionamento Regulado), tamén coñecida como zona azul, Luis Cordovés, tomou a palabra este mércores antes da sesión ordinaria do Pleno da Corporación de Vigo. No nome do persoal, Cordovés denunciou o despido de oito traballadores e, pese a suspender a folga para volver negociar, Dornier non accedeu á súa readmisión.

"Isto non se pode permitir, nin neste nin en ningún outro servizo público", sinalou Cordovés, quen pediu "apoio" de todos os grupos políticos para "que poñan á empresa no seu sitio". A ese respecto, expresou a súa esperanza de que o expediente sancionador aberto polo Concello a Dornier "vaia adiante" e que o goberno local "bote á empresa", que "non debería de concursar máis". Finalmente, Luis Cordovés advertiu de que os traballadores non van "parar" ata que se solucione a súa situación, porque xa deron "unha oportunidade" á empresa concesionaria.

O alcalde, Abel Caballero, trasladou o "apoio incondicional" do goberno de Vigo ao persoal "dentro da lei". "Isto vaise a arranxar. Mentres eu sexa alcalde, os traballadores estarán en primeira liña da acción do goberno", aseverou.

Nesta mesma liña, o concelleiro de Seguridade, Carlos Font, proclamou que o goberno "vai facer cumprir o contrato" e advertiu de que "hai que tomar as decisións desde a legalidade, non desde a calor de certas situacións".

Engadiu Font que a argumentación da empresa para os despidos carece de base contractual e a apertura do expediente sancionador a Dornier chegará "ata as últimas consecuencias". O goberno de Vigo reiterou que o contrato asinado inclúe a subrogación de todo o persoal, estimou que a empresa actúa de forma "hostil", con indicios incluso de represión sindical e prometeu "firmeza".

Os grupos da oposición coincidiron en reclamar que se rescinda o contrato á concesionaria e en apuntar que xa advertiran dos problemas que xeraría esta concesión. A portavoz do PP, Elena Muñoz, asegurou que "esta empresa non pode traballar para o Concello nunca máis" mentres que o voceiro de Marea, Rubén Pérez, esixiu ao goberno local control ás empresas e manifestaron que "queremos a esta empresa fóra da contratación pública".