Escoitar

Dezaseis empresas optan á redacción do novo Plan Xeral cun importe de licitación de 2,7 millóns

O Concello avanza na adxudicación da redacción do Plan Xeral e o xoves 30 convocará a mesa de contratación técnica que elixirá as mellores propostas entre as 15 empresas aspirantes. O prezo de licitación é de 2,7 millóns e o prazo de execución é de 4 anos aínda que as previsións municipais pasan porque estes traballos rematen antes de que remate ese período.

luns, 27 ago 2018
A mesa de contratación se reunirá o xoves día 30 para propoñer o nome das empresas ás que se adxudicará a redacción do PXOM, cun importe de licitación de 2,7 millóns. Segundo informou hoxe o rexedor, este contrato sae en dous lotes diferenciados así que, por unha banda, se adxudicará a actualización da cartografía, á que se presentaron 11 empresas cun importe de case 400.000 euros de licitación e, por outra, a revisión do documento, á que se presentaron 5 empresas, un orzamento de 2,3 millóns. O contrato de revisión do PXOM quedou deserto na anterior licitación, explicou, logo de que a Xunta atrasara un ano a sinatura do convenio para financiar o 50% do custo do mesmo. O prazo de elaboración é de 4 anos -cunha prórroga dun exercicio- aínda que as previsións municipais pasan por non esgotar ese tempo.

De xeito paralelo, o Concello está a desenvolver medidas paralelas que permiten desbloquear unha parte "importantísima" do urbanismo vigués. A ordenación provisional permitirá que 50.000 titulares catastrais poidan solicitar a súa licenza de construción antes de que remate o ano, segundo se determinaba no Plan de 2008. A esta medida hai que sumar a aplicación da chamada Lei Vigo e os Plans de Bouzas e o Casco Vello, o que suporá poder desenvolver o 40 por cento da capacidade de actuación recollida no documento anulado. Trátase, dixo o rexedor, de desbloquear a edificabilidade que Vigo é capaz de desenvolver nos próximos dez anos e de facelo antes de que se aprobe o próximo plan xeral.