Escoitar

O goberno de Vigo contrata humanizacións en Aragón e Gregorio Espino por case 2,5 millóns

Informou Abel Caballero este venres da aprobación dos expedientes de contratación da quinta fase da humanización de Aragón e da terceira de Gregorio Espino. O Concello remodelará Aragón entre Padre Celso e a Travesía e dous tramos de Gregorio Espino: entre Jenaro de la Fuente e Urzáiz, e de San Roque ás rúas Aguia e Reiseñor.

venres, 24 ago 2018
O goberno vigués validou a contratación destas obras, a quinta fase da humanización da rúa Aragón e a terceira de Gregorio Espino, adicando algo máis dun millón de euros á primeira e 1,4 millóns para a segunda.

O Concello, explicou Caballero, continúa así coa humanización de Aragón, que estará practicamente rematada coa finalización da quinta fase que vén de ser contratada. Cun prazo de obras estimado en nove meses, o goberno de Vigo prevé actuar sobre 400 metros de rúa, renovando todos os firmes e as canalizacións soterradas de alumeado, abastecemento e saneamento, ademais de executar unha nova rede semafórica e de rego.

O orzamento desta nova fase supera lixeiramente o millón de euros. Sumadas as remodelacións xa realizadas, o Concello de Vigo haberá adicado á humanización da rúa Aragón case sete millóns de euros, "a humanización máis importante que se fixo nunca nesta cidade", valorou Caballero.

No tocante a Gregorio Espino, o goberno de Vigo contrata a terceira fase da súa humanización, actuando nos tramos comprendidos entre Jenaro de la Fuente e Urzáiz e tamén entre San Roque e a confluencia coas rúas Agua e Reiseñor. O prazo estimado de execución das obras ascende tamén a nove meses e, ao efecto, a administración presidida por Abel Caballero reserva máis de 1,4 millóns de euros.

Nesta rúa viguesa o Concello xa ten executado dúas fases da súa humanización e, con esta terceira contratada este venres, o goberno de Vigo acumula un investimento de 2,3 millóns de euros en Gregorio Espino. "Continuaremos", engadiu o alcalde, "desde a rúa Ruiseñor ata a Estación de Autobuses en fases sucesivas, e o ano que vén daremos un impulso moi importante".