Escoitar

O Concello dispón de catro orientadores laborais coa cobertura íntegra do Fondo Social Europeo

Abel Caballero informou este xoves de que o Concello de Vigo conta con catro orientadores laborais que sufraga ao cen por cen o Fondo Social Europeo. O alcalde explicou que as achegas da Xunta tan só cobren o 45%.

xoves, 9 ago 2018
O Concello de Vigo dispón na actualidade de catro orientadores laborais grazas á cobertura salarial íntegra que chega mediante o Fondo Social Europeo. O alcalde de Vigo indicou que os catro traballadores están custeados grazas ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil que puxo en marcha o Ministerio de Traballo.

Abel Caballero indicou que dous dos catro orientadores municipais estiveron o pasado ano contratados con achegas da Xunta de Galicia, pero a administración autonómica unicamente facíase cargo do 45 por cento do custe dos salarios, polo que en 2018 decidiron solicitar a axuda ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

"Estamos a apoiar co financiamento íntegro do fondo europeo, custa ao Concello cero euros, porque a convocatoria da Xunta non o cubre todo", explicou Caballero.