Escoitar

O Pleno solidarízase coas auxiliares de enfermería e apoia a súa defensa da sanidade pública

Marea e o grupo de goberno de Vigo, coa abstención do PP, aprobaron a moción presentada polos primeiros para trasladar a solidariedade da Corporación coas auxiliares de enfermería do Álvaro Cunqueiro e o seu rexeitamento as "coaccións" exercidas pola dirección do hospital ás traballadoras. Instan á xerencia a retirar os expedientes e devolver á concesionaria a función de traslado da roupa sucia dos pacientes.

mércores, 18 xul 2018
A orde ás auxiliares de enfermería do hospital Álvaro Cunqueiro de encargarse tamén do traslado das bolsas de roupa sucia dos pacientes foi o "detonante", indica o texto, das mobilizacións do persoal ao considerar esta función impropia.

O acordo aprobado hoxe mércores traslada a "solidariedade" do Pleno do Concello de Vigo ás traballadoras e o "apoio ás súas reivindicacións dentro da loita pola defensa da sanidade pública", ao tempo que "rexeita ás coaccións exercidas pola dirección do hospital contra este persoal".

Nun segundo punto, a Corporación insta á xerencia do Álvaro Cunqueiro "á retirada dos expedientes que foron trasladados á inspección do SERGAS co obxectivo de estudar as sancións ás traballadoras". Por terceiro e último punto, o Pleno require da mesma xerencia que "faga responsable novamente desta función á sociedade concesionaria", empresa beneficiaria de "cuantiosas remuneracións anuais de cartos públicos".