Escoitar

Caballero: "O Vigo SeaFest é unha manifestación da fortaleza e capacidade da nosa cidade"

O alcalde inaugura oficialmente a segunda edición do evento gastronómico, que se celebra ata o domingo na zona do Náutico. Na súa intervención augurou longa vida a un festival que seguirá contando con apoio das institucións viguesas.

venres, 6 xul 2018
1530878048VigoSeaFest_01.JPG
"Este festival é unha forma de entender Vigo; para querer a esta cidade hai que vela desde a proximidade do mar, o porto e o mundo da pesca". Con estas palabras inauguraba oficialmente esta mañá o alcalde o Vigo SeaFest, o festival gastronómico que ata o domingo ofrece aos visitantes as mellores receitas elaboradas con especies das frotas galegas nun ambiente de música, deportes, talleres e numerosas actividades para toda a familia.

Caballero deu o parabén aos organizadores do evento e destacou a presenza de todos os que colaboraron no mesmo, desde o propio Concello á Deputación de Pontevedra, Zona Franca, Porto, Xunta, Abanca e Axencia Europea de Control da Pesca, entre outros. "Somos un exemplo do valor de unir forzas para colocar a Vigo no lugar do mundo que merece", afirmou. O rexedor manifestou ademais a súa intención de seguir apoiando este evento en próximas convocatorias e asegurou que o SeaFest "é unha manifestación da fortaleza e capacidade desta cidade".

A inauguración foi presidida por Javier Touza, presidente da cooperativa de armadores de Vigo, ARVI -promotores do festival-, e contou con numerosos representantes das institucións colaboradoras e forzas políticas. Entre eles estaban a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o director da Axencia de Control da Pesca, Pascal Savouret; o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas; o presidente do Porto, Enrique López Veiga e a conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Nesta segunda edición, segundo apuntou o director do festival, Alberto Alonso, ademais das propostas de cociña de autor elaboradas por 18 grandes chefs da cidade, música en directo desde a mañá á noite, competicións deportivas e talleres culturais, o festival ofrece como novidade unha serie de rutas pola Ría e un espazo de innovación dirixido aos máis pequenos.
1530878048VigoSeaFest_01.JPG
1530878064VigoSeaFest_02.JPG
1530878076VigoSeaFest_03.JPG
Descargar todas as imaxes