Escoitar

O alcalde sinala o Torneo Concello de Vigo de pádel como "o mellor de Galicia" pola gran participación

Abel Caballero presentou hoxe a sexta edición do Trofeo Concello de Vigo de pádel, organizado do 30 de xuño ao 8 de xullo polo Club Pádel Barreiro nas instalacións municipais de Máis que Auga de Barreiro e de Navia co patrocinio municipal e de Celtamotor.

luns, 25 xuñ 2018
1529944027IMG_0380.jpg
Acompañado polo edil de Deportes, Manel Fernández, polo director de Operacións de Máis que Auga, Francisco Cortegoso, Javier Fernández (Celtamotor) e Antonio Amaro, presidente do club de pádel, o rexedor non dubidou en cualificar o evento como "o mellor trofeo que hai en Galicia, non hai outro igual".

Con 200 parellas xa inscritas e á espera do peche final de inscricións, Caballero explicou que "unha parte moi importante dos participantes son mulleres". Hai vinte e dúas categorías en xogo, dende as de formación aos veteranos pasando por federados, e o evento poñerase en xogo en catorce pistas. Ningún outro torneo dispón de tal número.

Caballero definiu ao pádel como "o deporte emerxente", e subliñou que "unha parte moi importante" do seu éxito "é a socialización a través do pádel".

Amaro, presidente do club organizador, apuntou que "cada vez marcha mellor" e que "o Concello facilita absolutamente todo". Tanto el como o representante do patrocinador, Celtamotor, habitual tamén no apoio a outras actividades deportivas en Vigo, desexaron "que sexa un éxito".

Cortegoso lembrou que a concesión municipal de Barreiro data de 2010 e que dende ese mesmo ano "apostamos por este deporte. Vemos que cada vez segue crecendo e chegamos a adultos, a nenos, a principiantes e a xente que ten certo nivel". Os centros MQA seguirán con esta aposta, tendo en conta que en cada un deles dan clase a uns 250 alumnos de todas as idades.

A organización estima que o torneo, masculino, feminino e mixto, comezará cuns 500 xogadores.
Descargar todas as imaxes