Escoitar

Abel Caballero lamenta a situación no aeroporto tras "un caos nunca vivido"

O alcalde de Vigo lamentou este mércores a situación que se vive no aeroporto debido a cancelacións e desvíos de voos. "Este caos é debido á imprevisión de AENA e a súa catastrófica organización", sinalou o rexedor.

mércores, 6 xuñ 2018
1528288582Alcalde_01.JPG
"É un caos debido á imprevisión de AENA e ao Goberno que sae, sucede o que nunca sucedeu neste aeroporto". Así referiuse este mércores o alcalde de Vigo, Abel Caballero, á situación que se está a vivir no aeroporto de Vigo pola cancelación e desvío de voos.

As dificultades meteorolóxicas e a falta de sistema ILS de aterraxe polos traballos de actualización provocou que desde o pasado mes de maio xa fosen cancelados ou desviados un total de 92 voos con un total 11.500 pasaxeiros afectados.

"Esta mañá suspendeuse outro voo e a única solución que daban aos pasaxeiros era trasladarse a Madrid en autobús, este é o catastrófico funcionamento de AENA e a descoordinación das compañías, ás que non culpo en absoluto, os vigueses pagan consecuencia do pésimo funcionamento de AENA e do ministro en funcións Íñigo de la Serna", asegurou Caballero.

O alcalde explicou que a cidade nunca vivira esta situación e reiterou que os traballos de ILS tiñan que estar feitos desde o ano pasado. "O paga Vigo, 11.500 persoas con voos desviados e cancelados, é a ruptura da normalidade do transporte nunha cidade, non recordo nada igual", engadiu.

"Este é o legado que nos deixan, sen AVE, metido no caixón, con Rande colapsado, sen actuar na autovía de Porriño e con este caos no aeroporto", concluíu Caballero.
Descargar todas as imaxes