Escoitar

Caballero: "Porta do Sol naceu como rúa e a acción civil converteuna nunha praza"

O alcalde de Vigo asegura que a Xunta intenta paralizar o proxecto de transformación da Porta do Sol nunha gran praza e destacou. "Naceu como unha rúa e a acción civil converteuna nunha praza", sinalou.

mércores, 16 mai 2018
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou este mércores que a Xunta de Galicia intenta paralizar os proxectos de Vigo Vertical para evitar que a cidade reciba as axudas europeas. No referente á Porta do Sol, o rexedor explicou que "todos queremos que sexa unha praza".

"Efectivamente, estamos sendo obxecto dun intento de paralización das axudas europeas por parte da Xunta de Galicia e as informacións que nos piden en Porta do Sol só poden explicarse de esa forma, piden información para retardar, para ver se polo camiño poden paralizar a obra e facer dano á vez", asegurou o alcalde.

Caballero indicou que a reforma xa estaba atrasada por Patrimonio e agora hai un novo atraso máis ."Xa sabemos por que é, xa sabemos quen non quere unha praza na Porta do Sol", engadiu.

O alcalde lembrou que a Porta do Sol "naceu como unha rúa e pasoulle algo extraordinario, coa acción civil os cidadáns de Vigo a fomos transformando o lugar nunha praza, todos queremos que sexa unha praza, todos excepto a Xunta".