Escoitar

Caballero cifra o superávit en 6.800 millóns e esixe un novo modelo de financiamento local

Cos balances de 2017 pechados, o alcalde de Vigo e presidente da FEMP explicou que o superávit das Corporacións Locais ascendeu a 6.812 millóns, unha achega que permite a España cumprir os obxectivos europeos de déficit. Con esta "fortaleza moral", Abel Caballero reclama iniciar as negociacións dun novo teito de gasto e do novo modelo de financiamento local.

martes, 27 mar 2018
O alcalde puxo en valor que as Corporacións Locais foron, "con moito", a administración do Estado cun mellor comportamento no 2017, colleitando un aforro de 6.812 millóns de euros, o que supón o 0,59% do PIB estatal.

A contribución dos concellos ao saneamento do país é "inconmensurable", engadiu Caballero, e fundamental para o cumprimento -por primeira vez- dos obxectivos de déficit de España impostos por Europa. Sen esta achega de máis de 6.800 millóns de euros, asegurou, España non tería acadado os obxectivos comunitarios.

Recordou Caballero que os obxectivos para as Entidades Locais en 2017 era déficit cero e pechouse o ano cun superávit de 6.812 millóns de euros, cubrindo así o "incumprimento" doutras administracións públicas, "fundamentalmente Seguridade Social e da Administración do Estado. "Para entendernos, e coloquialmente: Montoro incumpriu", asegurou o tamén presidente da FEMP.

Para o alcalde, a cuestión sitúa ás cidades nunha posición de "fortaleza moral" para ser acreedores do Real Decreto, xa aprobado, que permite ás administracións locais gastar o seu aforro na súa propia cidade, e ademais para demandar do ministro de Facenda o inicio da negociación dun novo teito de gasto e dun novo modelo de financiamento das administracións locais.

"Co aval e a fortaleza moral que da que achegamos 6.812 millóns a incumprimentos doutras administracións, queremos ser chamados de forma inmediata, despois da Semana Santa, a negociar o teito de gasto e o financiamento local", asegurou Abel Caballero, quen recordou que as cidades levan cinco anos -desde 2012- cumprindo consecutivamente as súas obrigas financeiras -superávit, teito de gasto e obxectivo de débeda-.