Escoitar

O goberno de Vigo respalda con 173.000 a labor social de catro entidades da cidade

Abel Caballero asinou este luns os convenios de apoio a AFAN (con 55.000 euros), á Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (60.000 euros), á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos (30.300 euros) e á AVCD de Lavadores para a súa ludoteca (28.000 euros)

luns, 26 mar 2018
1522070010Convenios.jpg
O alcalde rubricou este luns os convenios "de rango social moi importante" cos que o Concello de Vigo achega 173.300 euros a catro entidades.

A Asociación Freixeiro de Axuda ao Necesitado, AFAN, recibe do Concello 55.000 euros para dar atención inmediata das necesidades básicas das familias, mediante o reparto de alimentos. O goberno vigués adica outros 60.000 euros para que a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui leve adiante o proxecto de acollemento familiar "Vacacións en Paz". Con esta axuda, a administración dirixida por Caballero faise cargo dos gastos de desprazamento dos nenos do campamento de refuxiados de Tindouf.

Ademais, o alcalde explicou que a subvención de 30.300 euros á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos servirá para o acompañamento que fai a entidade ás mulleres vítimas e a formación das súas mediadoras. Esta axuda engádese a outras liñas de apoio do Concello de Vigo á Rede.

Por último, o goberno vigués dedica 28.000 euros para a ludoteca que a AVCD de Lavadores organiza nas súas instalacións de Ramón Nieto. Caballero puxo en valor que este espazo de dinamización infantil e xuvenil, para nenos de entre 6 e 12 anos, contribúe á "conciliación laboral e familiar", xa que ten lugar de luns a venres en horario de tarde, pasando ás mañás durante as vacacións escolares.
Descargar todas as imaxes