Escoitar

A Corporación aproba por unanimidade outorgar a Medalla da Cidade a Diálogos 90

A sesión plenaria deste luns deu luz verde por unanimidade á proposta de nomear á Asociación Diálogos 90 coa Medalla da Cidade. Todos os concelleiros apoiaron ademais os nomeamentos dos Vigueses Distinguidos deste ano. A gala, o 3 de abril, segundo informou Abel Caballero

luns, 26 mar 2018
A unanimidade da Corporación municipal de Vigo apoiou este luns as propostas de nomeamento de Medalla da Cidade e Vigueses Distinguidos deste ano, que serán entregados na gala que se celebrará o 3 de abril, tal e como apuntou o alcalde posteriormente en rolda de prensa.

Na súa intervención ante o Pleno, Abel Caballero destacou os méritos da Asociación Diálogos 90 para ser acreedora da Medalla da Cidade, subliñando que levan 28 anos traballando pola igualdade e visibilizando a labor das mulleres en distintos eidos.

Os Vigueses Distinguidos deste ano, indicou o alcalde en rolda de prensa, recaen en Agarimo (entidade fundada en 1997), no Club Montañeros Celtas (que cumpren 75 anos), no Centro Comercial Coia 4 (que celebra o seu 40º aniversario), na Asociación de Veciños Praza da Miñoca (con 20 anos de vida), no Coruxo FC (fundado en 1930) e a Rosario Pérez Montes (traballadora social no albergue do Concello de Vigo).

O Concello outorga este ano outras dúas distincións ex aequo, aos colexios Doutor Fleming e Canicouva (que cumpren 50 anos na cidade) e a Ledicia Costas e Antonio Teijeiro (escritos galardonados co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de 2015 e 2017, respectivamente).

Abel Caballero valorou os "extraordinarios méritos" contraídos polas entidades e persoas distinguidas este ano polo Concello e recordou que o maxistrado da Audiencia provincial en Vigo, Julio Picatoste, será o encargado de redactar o Bando da Reconquista deste ano. A tradicional homenaxe aos heroes da Reconquista será este mércores, 28 de marzo, na Praza da Independencia.