Escoitar

Abel Caballero reclama a Montoro unha solución á reinversión do superávit "en dúas semanas"

O alcalde e presidente da FEMP reúnese na tarde deste luns co ministro de Facenda, cita na que reclamará a Cristóbal Montoro que as cidades poidan reinvestir o superávit sen limitacións, retomar a negociación sobre un novo teito de gasto, abordar o modelo de financiamento local en paralelo ao autonómico e que se permita a reposición de efectivos.<br />

luns, 26 feb 2018
Abel Caballero requeriu este luns ao Ministerio de Facenda unha "solución inmediata no prazo de dúas semanas" ao reinvestimento municipal do superávit de 2017, que nas Entidades Locais españolas superará os 5.000 millóns de euros.

O alcalde reiterou a "necesidade" de que o "aforro" de cada concello poida ser gastado polo propio concello e no que a cidadanía precise, sen as limitacións existentes actualmente. Así, Caballero esixe ao Goberno de España que o superávit poida ser adicado a cultura, emprego, deporte ou educación, pois os investimentos autorizados polo Estado non inclúen ata o de agora, por exemplo, a apertura dunha escola infantil.

A terceira demanda de Caballero a Montoro na entrevista deste luns no Ministerio de Facenda será que o Goberno de España convoque a mesa de negociación sobre o teito de gasto. O tamén presidente da FEMP recordou que a cuestión está parada desde setembro. Por outro lado, o alcalde solicitará ao ministro que o Estado aborde o novo modelo de financiamento local en paralelo ao autonómico.

Ademais, o alcalde vigués insistiu en que, se o Goberno de España aplica algún tipo de quita de débeda ás Comunidades Autónomas, debe facelo igualmente cos concellos, compensando cun financiamento adicional equivalente ás cidades que teñen débeda cero, como é o caso de Vigo. Por último, Abel Caballero porá sobre a mesa de Cristóbal Montoro que se permita a reposición de efectivos nas cidades, de acordo coa capacidade de manter o superávit.

Entre as administracións do Estado, Abel Caballero salientou que só as Entidades Locais cumpriron no 2017 cos obxectivos de débeda, superávit e teito de gasto, sendo o pasado o quinto ano consecutivo conseguíndoo. "Queremos ser tratados dacordo coa nosa eficiencia e coa nosa capacidade de cumprir cos requisitos; é máis, estamos axudando de forma visible ao cumprimento das contas do Reino de España en Bruxelas", xa que as cidades presentaron un superávit superior aos 5.000 millóns de euros, o que supón unha achega de medio punto do PIB estatal.