Escoitar

Caballero respalda a ampliación do polígono de Valadares e reclama celeridade na tramitación

Os informes municipais remitidos á Xunta son favorables á ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico, onde poderán instalarse firmas comerciais que requiren de parcelas de gran tamaño. Existe demanda ao efecto, expuxo o alcalde, quen reclamou axilizar os trámites administrativos para que sexa realidade canto antes.

xoves, 25 xan 2018
A Xerencia de Urbanismo celebrada este xoves tomou coñecemento dos informes remitidos á Xunta de Galicia para a ampliación do PTL. Segundo informou Abel Caballero, os ditames municipais son favorables ao desenvolvemento do proxecto sectorial.

O alcalde explicou que o Concello, que leva tempo requerindo da Zona Franca a ampliación do polígono de Valadares, é promotor "indirecto" desta actuación ao instar á adopción da vía supramunicipal como fórmula para evitar as consecuencias da anulación xudicial do Plan Xeral vigués.

"É da maior importancia para Vigo", valorou Caballero a ampliación, pois existe unha "enorme demanda" de solo comercial de medio e gran tamaño na cidade: "o meu desexo é que ahí se instale IKEA", avanzou. O alcalde demandou que se axilice a tramitación para que a ampliación do PTL sexa unha realidade o antes posible, pois son moitas as entidades comerciais que queren asentarse en Vigo e precisan do espazo para facelo.

Tráfico
Os informes do Concello dan a conformidade municipal ao desenvolvemento deste proxecto sectorial mais formulan algunhas observacións, entre as que o rexedor salientou a relativa ao tráfico no entorno.

Caballero demandou "entrar a fondo" na reordenación da circulación nun espazo que dá servizo á Universidade, xunto ao que se instalou o novo hospital Álvaro Cunqueiro e que sumará agora áreas comerciais. O Concello propón "mellores conexións viarias" coa ampliación do PTL e suxire alternativas, adiantou o alcalde, como habilitar unha conexión directa do polígono coa VG20, evitando así a Avenida Clara Campoamor.