O Concello reserva un millón de euros no 2018 para completar a humanización de Aragón, por 6,3 millóns

O alcalde visitou este mércores a recén concluida cuarta fase da remodelación do vial -que incluíu unha nova rotonda no cruce coa rúa Bailén-, avanzou que as contas municipais para 2018 contemplan unha partida dun millón de euros para completar a humanización, que ascenderá a 6,3 millóns.

mércores, 15 nov 2017
1510761677aragon.JPG
Nesta cuarta fase da humanización -cun investimento de 491.000 euros-, o Concello humanizou máis de 350 metros de rúa, con beirarrúas de granito e máis de medio quilómetro de novas canalizacións soterradas de abastecemento e saneamento, ademais da creación dunha nova rede de rego e doutra de iluminación exterior con 14 puntos de luz LED. A actuación municipal completouse con 38 árbores, 19 xardineiras, case 150 metros cadrados de superficie axardinada, tres bancos e catro papeleiras.

Tamén como parte desta humanización, a fluidez do tráfico en Aragón vese mellorada ademais coa nova rotonda construida na confluencia do citado vial coa rúa Bailén, segundo recordou Caballero.

O alcalde puxo en valor o investimento acometido polo goberno que dirixe na rúa Aragón, con 5,3 millóns de euros xa gastados para a humanización das catro primeiras fases. Para finalizar á súa remodelación integral, o goberno de Vigo ten xa redactado o proxecto da quinta e última fase, e reserva ao efecto unha partida lixeiramente superior ao millón de euros no orzamento do Concello para o próximo ano, que se executará no 2018 e no 2019.

Abel Caballero amosou a súa "gran satisfacción" por completar a humanización dunha "rúa de traballadores" que foi "abandonada" e desatendida por gobernos anteriores. O Concello adicará un total de 6,3 millóns á humanización integral da rúa Aragón.
Descargar todas as imaxes