Caballero insta novamente á Xunta a reducir o caudal ecolóxico de Eiras e Zamáns

O rexedor reitera ao goberno autonómico a petición de construír o azud entre os ríos Verdugo e Oitavén para ter máis caudal na présa de Eiras, dada a situación de emerxencia na que se atopa a cidade.

mércores, 15 nov 2017
Abel Caballero pronunciouse hoxe sobre a petición da Xunta de Galicia de aforrar un 10% o gasto auga sinalando que "xa o estamos facendo" coas medidas adoptadas polo Concello, coas humanizacións de rúas que evitan fugas, a redución da presión, ou o novo abastecemento "con investimentos pagados todos por Vigo", co que se reduciu un 10% o consumo. Lembrou que Vigo está aplicando as medidas contempladas na fase de alerta aínda que non está nesa etapa.

Dada a situación actual, o rexedor reiterou a petición de baixar o caudal de saída da présa de Eiras a 150 litros/segundo e o de Zamáns aos 5 litros/segundo. Esa demanda, explicou, xa se realizou o pasado 18 de outubro pero a Xunta non respondeu ata o 2 de novembro "quince días dedicados a un informe en situación de emerxencia", engadindo que "se o fixeran cando o pedín, poderiamos dobrar a afluencia á présa, que sería o garante para poder aguantar moito tempo".

Ademais, Caballero insistiu en solicitar á Xunta a construción dun azud entre os ríos Verdugo e Oitavén. "Deben inicialo hoxe mesmo pola vía de emerxencia para ter máis caudal na présa de Eiras porque estamos en situación de emerxencia e parece que non se queren decatar". Así, criticou que a Xunta non tome medidas, "non temos a súa cooperación para mitigar un grave problema de seca nas zonas de abastecemento á cidade".