Escoitar

O Goberno de Vigo contrata 94 traballadores durante seis meses coa segunda quenda do programa VigoEmprega

O Concello pon en marcha a segunda quenda de VigoEmprega que, cun orzamento de 658.706,81 euros, permitirá contratar 94 traballadores. Estes profesionais comezarán a desenvolver a súas tarefas a partir do 1 de outubro en distintos servizos municipais.

venres, 30 xuñ 2017
O goberno local vén de aprobar a convocatoria de contratación de persoal da segunda quenda do programa VigoEmprega, que permitirá ofertar traballo a 94 profesionais durante seis meses. Cun orzamento de 658.706,81 euros, os beneficiarios, auxiliares, oficiais e peóns de diferentes oficios, comezarán o día 1 de outubro e desenvolverán tarefas como a construción de beirarrúas, limpeza de maleza e camiños, construción de canaletas, reparacións, plantacións en parques e xardíns, obras en colexios ou mantemento e arranxo de vehículos do Parque Central. Tal e como precisou o rexedor, os candidatos son enviados polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

VigoEmprega, dotado con 1,3 millóns anuais permite ao Concello contratar a 188 traballadores por seis meses. Este programa está incluído nos 5,5 millóns que o Concello adica a fomento do emprego.

A Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde tres convenios de colaboración con sendas entidades sociais ou culturais. ANHIDA (Asociación de nenos con hiperactividade ou/e déficit de atención) recibirá 9.000 euros, mentres que FEAFES (Federación de familiares de enfermos mentais de Galicia) ten asignados 4.000 euros. Por último, a Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Monte da Mina disporá de 9.000 euros para o desenvolvemento das súas actividades e a xestión dun viveiro de asociacións.