Escoitar

Caballero insta á Xunta a sumarse á candidatura de Illas Cíes Patrimonio da Humanidade

O rexedor solicitou esta mañá á Xunta que cumpra o seu compromiso de apoiar a proposta municipal de impulsar Cíes Patrimonio da Humanidade. En declaracións aos medios, Caballero reiterou que a candidatura promovida polo Concello xa ten respaldo social porque "levamos catro anos traballando de forma brillante".

xoves, 25 mai 2017
O alcalde de Vigo instou esta mañá á Xunta de apoiar a candidatura Cíes Patrimonio da Humanidade, xa que o proxecto do goberno galego para lograr ese recoñecemento para todo o Parque das Illas Atlánticas "morreu no momento no que foi presentado nun acto político e sen respaldo social". Neste punto, reclamou ao goberno autonómico que cumpra a súa palabra e apoie a candidatura impulsada polo goberno local.

Caballero contrapuxo o traballo "brillante e con respaldo social" que veu desenvolvendo o goberno local nos últimos catro anos, coa proposta da Xunta, elaborada "en catro meses de xeito clandestino e a escondidas". Engadiu que a candidatura de Cíes Patrimonio da Humanidade seguirá adiante porque reúne os requisitos para recibir este recoñecemento da UNESCO.