Escoitar

O alcalde celebra o apoio da "nova Deputación con presenza en Vigo"

Abel Caballero participou este martes na sinatura de tres convenios da Deputación de Pontevedra coa Igrexa de Fátima, co Coruxo Club de Fútbol e co Amfiv que se suman a outros tres convenios asinados pola tarde que ascenden a un apoio total de 198.000 euros. Así, amosouse satisfeito coa "nova dimensión da nova Deputación que agora ten presenza en Vigo"<br />

martes, 2 mai 2017
1493727677Conveniofatima.jpg
Tras a sinatura dos acordos, Abel Caballero amosouse "encantado" coa "nova dimensión da nova Deputación de Pontevedra que agora ten unha grande presenza na cidade". Salientou, o rexedor, o convenio co AMFIV "un gran orgullo na cidade e que ten o seu custo practicamente subvencionado polo Concello e a Deputación" así como o convenio coa Rede Veciñal contra os Malos Tratos, unha entidade, dixo que "practicamente" só recibe o apoio municipal e do ente provincial, sen apoio da Xunta de Galicia.

Así, o alcalde celebrou esta cooperación como "unha forma de facer a cidade" e recoñeceulle á Deputación Provincial que "agora si que a vemos en Vigo", xa que "nos últimos oito anos estivo ausente aquí".

A presidenta de Deputación debullou o contido dos seis convenios que se asinan ao longo desta xornada en Vigo. O primeiro deles, co párroco da Igrexa de Fátima, ascende a 13.250 euros, e inclúe unha escultura que reproduce as figuras dos tres pastoriños de Fátima que será inaugurada o próximo 12 de maio. No ámbito deportivo, Carmela Silva, explicou que o convenio co Coruxo Fútbol Club supón un apoio de 121.000 euros para a promoción do deporte na cidade e o convenio do AMFIV tradúcese nunha axuda de 42.350 euros para un club que é "un orgullo para Vigo e para toda a provincia polo seu labor a prol da igualdade de oportunidades".

Ademais, a Deputación acordou convenios coa Asociación Faraxa, a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos e a Asociación Nós Mesmas, que ascenden a 22.000 euros para a loita contra prostitución e a trata de mulleres, o apoio ás vítimas de violencia de xénero e o dereito a decidir a identidade sexual e para evitar o acoso escolar, eidos nos que traballan dende Vigo estas tres entidades. En total, os convenios asinados supoñen un apoio de 198.000 euros cos que a Deputación amosa o apoio a cidade en infraestruturas, cultura e colectivos vigueses.
1493727677Conveniofatima.jpg
1493727603convenioamfiv.jpg
1493727662conveniocoruxo.jpg
Descargar todas as imaxes