Escoitar

O Goberno municipal rebaixou o índice de endebedamento do Concello un 27% neste mandato

xoves, 27 feb 2003
imx2389.jpg
Durante este mandato, o Goberno municipal conseguiu rebaixar o índice de endebedamento do Concello dende o 107%, en 1999, ata o 80,38% actual, cando o límite legal é do 110%. Isto conseguiuse aplicando unha política de amortización de créditos por riba das cantidades de débeda subscrita e coa negociación de condicións vantaxosas nas pólizas de préstamo.

Neste ano, o Concello de Vigo contratará con Caixa Galicia unha operación de préstamo de 14.245.000 euros para financiar os investimentos previstos. Esa entidade foi a que presentou a mellor oferta no concurso público convocado pola institución.

A operación pecharase sen solo para aproveitar calquera descenso do euribor, cun diferencial do 0% e cun teito do 5,75%. O prazo de amortización é de 10 anos e comezará en xaneiro de 2004. A apertura da póliza non terá custo e tampouco a amortización anticipada do crédito. A consolidación do importe do préstamo non se producirá ata o 31 de decembro deste ano.

Esta operación segue a liña das concertadas en anos anteriores e que xa lle permitiron aforrar ao Concello máis de seis millóns de euros no pagamento de xuros. O Concello de Vigo presenta nestes momentos unha excelente situación de liquidez. Segundo a liquidación do presuposto aprobada o pasado 10 de febreiro, o aforro neto consolidado é de 22.110.617 euros.
Descargar todas as imaxes