Escoitar

Xuventude colabora nas xornadas abertas de rol, cartas e estratexia que terán lugar esta fin de semana en Balaídos

xoves, 27 feb 2003
O pavillón de Balaídos acollerá do venres 28 de febreiro ó domingo 2 de marzo as xornadas de rol, cartas e estratexia 2003 ás portas do hades, organizadas pola Asociación Xuvenil Cancerbero coa colaboración da Concellería de Xuventude.

As xornadas serán abertas. Dirixiranse tanto a aqueles que xa coñecen estes xogos, para os que haberá torneos e partidas avanzadas, como ós que os descoñecen, para os que se celebrarán partidas de demostración.

Entre as actividades do encontro figurarán xogos de rol como Mundos de Tebras, Fanhunter, A Chamada de Cthulu ou Aquelarre: xogos de cartas como Érase unha vez ou O señor dos aneis: e xogos de estratexia como Warhammer 40K, Warhammer Fantasy ou Mordheim.

Haberá torneos de Warhammer 40K, Warhammer Fantasy, Mordheim, pintura (Warhammer) e Magic (O Encontro), e partidas de demostración de O Exaltado, Star Wars e Mage Knight, entre outros.

O venres 28 de febreiro as actividades comezarán ás 16 horas e rematarán ás 21. O sábado 1 de marzo desenvolveranse das 10 ás 21 horas, e o domingo 2 de marzo terán lugar entre as 10 e as 14 horas.

Os xogos de rol son un tipo de xogo de mesa no que un xogador desempeña un papel como nunha obra de teatro, mais no que o personase non interpreta un guión prefixado, senón que o guión evoluciona segundo as decisións dos xogadores e no que o director crea un escenario ficticio, mais con leis físicas e argumentos fiables. Os personaxes poden ir desde un policía ata un forense un vampiro ou un aventureiro en época colonial ou nun mundo fantástico medieval no que a maxia está enfrontada coas armas medievais. Os xogos de rol constituen unha opción de ocio nos que a intelixencia e a cultura son o maior exponente.

Os xogos de cartas non deben ser confundidos cos xogos de naipes. Os de cartas componse dunha gran variedade de cartas coleccionables coas que podemos crear baraxas para un xogo específico de cada unha das coleccións.

Hai dos tipos de xogos de estratexia: os de taboleiro, como o axedrez ou o Monopoly, e os wargames, dos que os máis coñecidos son Warhammer, Mordheim, O señor dos aneles e Mage knight. Nos wargames úsanse figuras que representan todo tipo de exércitos contemporáneos, futuristas, medievais, fantásticos, etc.. Os xogadores montan e pintan as figuras, e fan tamén o seu propio tableiro de xogo, desenvolvendo os seus coñecementos de bricolaxe.