Escoitar

Caballero compromete para o próximo ano cen prazas máis no programa "Vigo en Inglés"

O Concello, que amplía ata o 24 de marzo o prazo para optar, ten recibido ata o momento 753 solicitudes de alumnado de 3º de ESO para un mínimo de 657 vacantes dispoñibles. De cara ao ano que vén, o obxectivo é cubrir practicamente toda a demanda, polo que o alcalde anunciou un incremento en polo menos cen prazas.

venres, 17 mar 2017
Abel Caballero fixo este anuncio na mañá deste venres, despois de informar da decisión municipal de ampliar ata o 24 de marzo o prazo para solicitar as bolsas de inglés correspondentes ao presente curso.

Explicou o alcalde que a administración local ten recibido ata o momento 753 candidaturas de alumnos e alumnas de 3º de ESO para un mínimo de 657 prazas que este ano oferta o Concello. O goberno vigués adica ao efecto millón e medio de euros, cifra que se eleva ata os 1.655.000 euros totais ao engadir as 92 bolsas de inglés que concede ao alumnado da Escola Oficial de Idiomas de Vigo.

A cobertura da demanda vai ser "certamente moi notable", valorou Caballero: "aproximadamente o 90%" dos estudantes de ESO que opten este curso terán a súa bolsa de inglés no estranxeiro. "Agora ben", engadiu o alcalde, "eu pretendo o próximo ano dar practicamente cobertura total a todas as peticións de bolsas de inglés que haxa en Vigo, de tal modo que o ano que ven as aumentaremos en polo menos cen máis".