Escoitar

Caballero, satisfeito pola posta en marcha da nova depuradora, unha "gran demanda medioambiental da cidade"

O goberno vigués validou a posta en marcha da nova depuradora do Lagares, "ampliada e modernizada", que xa iniciou a súa conexión cos colectores xerais de saneamento. "Era unha gran demanda medioambiental da cidade", expuxo o alcalde, quen asegurou que a de Vigo é "unha das depuradoras máis importantes de Europa"

luns, 27 feb 2017
Abel Caballero explicou que a unión de empresas que construíu a nova depuradora é a encargada da súa posta en marcha por un período de transición dun ano e, pasado ese prazo, terá lugar a recepción da obra, entrega e explotación por parte do Concello, titular da infraestrutura.

O rexedor vigués recordou que a nova depuradora do Lagares foi sufragada por fondos europeos achegados polo Goberno de España, segundo o convenio rubricado coa entón ministra de Medioambiente, Elena Espinosa. O Concello achegou o valor dos terreos mentres que a Xunta de Galicia, a "terceira pata" do acordo asinado, "vai cobrar aos usuarios de Vigo a parte que proporciona, polo que non pon nin un euro a fondo perdido". Engadiu Caballero que o goberno autonómico cobra por enriba dos cinco millóns anuais en taxas ao saneamento.

"Entra en funcionamento a nova depuradora, que era unha gran demanda medioambiental da cidade", asegurou Caballero, quen se mostrou "satisfeito" pola posta en marcha: "cremos que é un momento moi importante para o medioambiente da cidade, moi importante para a ría e moi importante para as Illas Cíes, porque eliminamos un factor negativo que era a vella depuradora, claramente insuficiente, e poñemos en funcionamento unha das máis importantes depuradoras de Europa".