Escoitar

Vigo é a primeira das grandes cidades españolas en prontitude de pago a provedores

En novembro de 2016, o Concello pagou 8,94 días antes de que empece a contar o mes de prazo para aboar as facturas, fronte á media de 64,57 días dos municipios españois. Para o alcalde este dato "é importante para as empresas" e súmase á débeda cero e o superávit nas contas municipais.

mércores, 15 feb 2017
O alcalde deu conta este mércores dos datos relativos ao pagamento a provedores do último trimestre de 2016 que sitúa á cidade como a primeira en España en prontitude de pago, segundo os datos do Ministerio de Facenda, "somos os primeiros de 10.000 concellos", puntualizou. Este dato contrasta co promedio dos concellos españois que se sitúa en 64,57 días.

Caballero destacou que no cuarto trimestre de 2016 o Concello realizou 5.994 pagos, "un volume serio", en menos de quince días "que é moi importante para as empresas" e ningún pagamento se fixo con intereses de demora, ao que se engade a débeda cero e o superávit como datos salientables das contas municipais.

Así, en decembro de 2016 o Concello pagou 15,48 días antes do inicio do prazo para realizar os abonos, que é dun mes, en novembro fíxoo en 8,94 días e en outubro pagou 9,07 días antes. Ademais, o rexedor explicou que en xaneiro Vigo pagou aos seus provedores 12 días antes polo que "volveremos destacar no primeiro trimestre do ano".

Con respecto ás outras cidades galegas, en novembro de 2016, Vigo pagou en menos 8,94 días, fronte aos 38,5 que tardou a Coruña unha vez iniciado o período de pagamento, os 37,19 de Santiago, 16,56 de Ourense, 109,27 de Lugo e 3,93 de Pontevedra.

Investimentos
Abel Caballero tamén fixo referencia aos investimentos municipais do 2016 e asegurou que "o nivel de execución dos investimentos en Vigo no ano 2016 é practicamente do 100%", por enriba dos vinte millóns de euros.
O rexedor informou que obras adxudicadas no pasado ano se incorporan agora con cargo a remanentes do 2016, por valor total de 10,6 millóns. Estes investimentos son as humanizacións de Ferreiro, Aragón, Gregorio Espino, Doutor Corbal, Rosalía de Castro, Llorente, Castelao, Estorniño, Camelias, Álvaro Cunqueiro e Vía Norte, o subministro dun vehículo, as obras do estadio de Balaídos, a renovación das instalacións deportivas, dos céspedes artificiais de Comesaña e Monte da Mina, obras nos accesos na ETEA e os novos pavimentos deportivos nos pavillóns das Travesas e Teis.