Escoitar

O alcalde critica a inversión da Xunta en Vigo que supón menos dun 2% do total de Galicia

Abel Caballero valorou os orzamentos autonómicos como o "maior abandono de Vigo que se fixo nunca na historia" sen partidas destinadas aos accesos dende Bos Aires á autopista, á Cidade do Transporte, ao Estadio de Balaídos ou á Área Metropolitana.

luns, 5 dec 2016
O rexedor olívico referiuse este luns aos presupostos da Xunta de Galicia para o ano 2017 como os "peores da historia da cidade" polo "abandono practicamente total" que considera que supoñen para Vigo, xa que hai ámbitos demandados que non reciben asignación e do total do investimento de 805 millóns en Galicia, reserva para Vigo 15,2 millóns, menos do 2% da inversión total.

Caballero referiuse a partidas concretas do orzamento autonómico. No capítulo de infraestruturas aludiu á partida de 350.000 euros para a Estación de autobuses de Vigo, explicando que estaban previstos 12 millóns de euros, mentres outros proxectos demandados pola cidade como o acceso desde Teis á autopista, as vías autonómicas, a Cidade do Transporte ou o Estadio de Balaídos non teñen asignación do presuposto.

No caso da cultura, o rexedor criticou a falta de investimento na cidade ao reducirse a asignación ao Museo MARCO, dende os 300.000 euros da achega inicial do ano 2009 aos 100.000 euros no ano 2017. O mesmo ocorre, sinalou, co Museo do Mar, cuxo investimento pasou de 731.000 euros en 2015 a 180.000 euros o vindeiro ano 2017 mentres a Cidade da Cultura de Santiago "recibirá 11 millóns de euros". Apuntou así mesmo os recursos que recibirá a Biblioteca autonómica en Vigo que son inferiores aos que dedica o Concello cun total de 710.000 euros, destinando tres veces máis á Coruña e tres veces e media máis a Santiago.

No caso das infraestruturas educativas, Caballero explicou que a cubrición de patios dos colexios non ten orzamento reservado mentres a ampliación CEIP Alfonso Rodríguez Castelao recibirá 1,5 millóns cando en xullo a Xunta dixo que sería de máis de 3,6 millóns. No caso da Área Metropolitana de Vigo, os presupostos non destinan fondos namentres a capitalidade de Santiago ten 2,3 millóns consignados.