Escoitar

O Concello demanda recursos suficientes á Xunta para o mantemento do patrimonio histórico

A proposta de Marea de Vigo foi aprobada pola unanimidade da Corporación cunha addenda do grupo socialista instando ao goberno autonómico a incluír orzamentos no ano 2017 que permitan contratar brigadas de actuación e limpeza para conservar os xacementos arqueolóxicos.

luns, 28 nov 2016
A unanimidade do Pleno do Concello aprobou a moción presentada por Marea de Vigo coa emenda do grupo socialista instando á creación dunha brigada municipal dependente da área de Patrimonio Histórico.

O edil de Marea, Xosé Lois Jácome referiuse ao abandono na que se atopan algúns dos 170 xacementos arqueolóxicos catalogados de Vigo e á necesidade de conservar estes bens e recuperalos, malia o estancamento de recursos destinados polas administracións a este fin na actual conxuntura económica. Dende o grupo popular, o concelleiro Diego Gago criticou a situación do patrimonio cultural vigués e a carencia de museos de relevancia na cidade.

Carmela Silva, concelleira da área de Patrimonio Histórico, defendeu as actuacións do Concello neste ámbito no que sinalou que leva investidos 40 millóns de euros nos anos de goberno e avanzou que "temos que seguir facendo esforzos".

Así, o Pleno de Vigo insta á Xunta de Galicia, a administración competente en materia de Patrimonio Histórico a que contemple nos orzamentos de 2017 unha partida con recursos suficientes para que os concellos poidan contratar brigadas que permitan acometer actuacións de limpeza e conservación nos xacementos arqueolóxicos e que delegue estas accións nos concellos transferindo recursos necesarios que deben estar recollidos no orzamento de 2017 e nos futuros. Ademais, a moción defende que, no caso de inacción do goberno autonómico, durante o primeiro semestre do vindeiro ano, solicitarase a colaboración da Deputación de Pontevedra dentro do marco legal da Lei de patrimonio cultural de Galicia.