Escoitar

A mocidade viguesa sae á rúa para condenar a violencia de xénero

Arredor de 2.200 estudantes de Secundaria da cidade confeccionaron un tapiz humano na rúa Urzáiz co lema "Desmontando os mitos do amor romántico" para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia Machista. No acto, o alcalde destacou a importancia de que os máis novos se comprometan contra a violencia de xénero.

venres, 25 nov 2016
1480082791tapiz.jpg
Abel Caballero asistiu este venres aos actos do programa Enlaza Vigo que o Concello organiza con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia Machista e tivo como eixo central a confección dun tapiz humano baixo o lema "Desmontando os mitos do amor romántico" no que participaron 2.200 estudantes de Secundaria de centros da cidade.

O rexedor puxo en valor o papel dos máis novos para erradicar esta lacra e destacou a importancia do seu "compromiso contra a violencia de xénero", amais de amosar todo o apoio do Concello ás mulleres que sofren esta situación.

Dentro das actividades complementarias da xornada, o MARCO acolle unha exposición colectiva de 50 lonas pintadas polo alumnado de 41 centros e, no seu lateral, pode contemplarse a exposición itinerante "A violencia sexual na xuventude". Amais dez monumentos da cidade locen neste 25 de novembro un pazo co lema "Vigo libre de violencias machistas". Son a Fonte dos Cabalos, o Monumento a Europa, a escultura de Redeiros na Gran Vía, o monumento a Rosalía de Castro, a Praza da Constitución, a Praza 8 de marzo, a Praza da Princesa, a rotonda da Praza da Industria, a estatua da Memoria fronte ao mercado do Calvario e a rotonda Bouzas.
1480082791tapiz.jpg
1480082823mulleres.JPG
Descargar todas as imaxes