Escoitar

O Concello proponlle á Xunta que un novo informe ambiental estratéxico avalaría o PXOM de 2008

Abel Caballero explicou este mércores que esta solución, avalada polo prestixioso experto Luciano Parejo, da cumprimento á sentencia xudicial e permitiría ter o Plan integramente en vigor. A Xunta de Galicia ten o requirimento do goberno de Vigo para que proceda "de forma rápida" nesta dirección, avanzou o alcalde

mércores, 24 ago 2016
1472042848asemaco.jpg
O alcalde de Vigo abordou esta proposta municipal sobre o PXOM coa nova dirección de ASEMACO, a Asociación de Empresas de Materiais da Construción, entidade que lle trasladou o seu apoio á solución presentada pola administración local, tal e como informou Caballero en rolda de prensa.

O goberno de Vigo, asegurou Caballero, conta cun informe do "máis importante experto en urbanismo de España", Luciano Parejo, que sinala que o cumprimento da sentenza do Supremo que anulou o PXOM 2008 pode facerse coa elaboración dun novo informe estratéxico medioambiental por parte da Xunta de Galicia e, desde entón, o Plan estaría integramente en vigor.

O alcalde expuxo que, seguindo o criterio do experto, o Plan vigués podería restablecerse en meses e avanzou que a Xunta de Galicia ten o requirimento do Concello de proceder nesta liña. "Cremos que a Xunta debe tomar de forma rápida esta decisión", aseverou Caballero, "porque é volver a poñer outra vez enriba da mesa da economía a validez do PXOM de Vigo, unha cidade de 300.000 habitantes con tal nivel de industria que se vai aos 500.000 habitantes equivalentes".

Existen "importantes garantías de que esa é unha vía axeitada", manifestou o rexedor vigués, ao contar co aval do experto Luciano Parejo, o mesmo que elaborou -antes da aprobación do PXOM no 2008- outro informe para o Concello que avalaba que non era preciso unha nova exposición pública do Plan tras duplicarse a porcentaxe de vivenda protexida, decisión que foi ratificada en anos posteriores polos tribunais.

Abel Caballero engadiu que esta solución resolvería a cuestión de Vigo e de varios concellos galegos afectados pola mesma problemática urbanística. "A Xunta se ten que poñer manos á obra", afirmou Caballero, quen anunciou que "vou iniciar de forma inmediata novas reunións con responsables da cidade e do urbanismo para tratar desta cuestión".

"Xa estamos no momento de retomar o Plan de Vigo para tratar de buscar unha saída que a Xunta ten neste momento enriba da mesa e que, polo tanto, non pode eludir, ten que establecer unha posición ao respecto", concluíu Caballero.
Descargar todas as imaxes