Escoitar

O goberno de Vigo audita o contrato da concesionaria de Parques e Xardíns

O alcalde informou este mércores do inicio de varios expedientes polos traballos non executados por parte da concesionaria do mantemento das zonas verdes da cidade, que se valoran en 100.000 euros que deixarán de aboarse á empresa. Ademais o Concello estuda a rescisión do contrato no caso de que continúen as deficiencias na prestación do servizo, que xa se retomou con outras empresas nas zonas de novas humanizacións.

mércores, 24 ago 2016
O alcalde deu conta este mércores dos trámites postos en marcha ante o cumprimento "moi deficiente" das obrigas da empresa adxudicataria do mantemento de parques e zonas verdes da cidade. Así, o Concello ten iniciados varios expedientes polos traballos non executados que "nunha primeira valoración se elevan a 100.000 euros", unha cantidade que detrae dos pagamentos que abona á empresa.

Así mesmo, Abel Caballero informou de que a finais de xullo foi solicitada á empresa unha auditoría externa para valorar a situación de todos os parques e xardíns de Vigo, en relación cos traballos da concesionaria para "saber en cales cumpren e en cales non; para volverlle dicir que non cobrarán os traballos que non están facendo, que o Concello non pagará por servizos que a empresa non está prestando". Reiterou o rexedor que a auditoría servirá para comprobar o "nivel de satisfacción e de execución dos labores da concesionaria nas zonas que lle corresponden en base ao contrato.

No caso de que continúe a deficiencia na prestación do servizo, o Concello estuda o inicio dun proceso de rescisión do contrato porque "en tanto sexa adxudicataria, non imos tolerar ningunha deficiencia do servizo; ten que cumprir ao cento por cento coas súas obrigas". Ademais, o alcalde explicou que as zonas nas que se realizaron novas humanizacións, que non están incorporadas ao contrato de parques e xardíns, están sendo xa atendidas por outras empresas contratadas para ese fin, citando o exemplo de Camelias, onde se está traballando para resolver os defectos.

Engadiu Caballero que "dun problema administrativo, derívase unha mala actuación, na opinión do Concello, dunha da empresa concesionaria e imos poñerlle solución, imos resolvelo, faremos que cumpra coas obrigas e que as zonas que non lle corresponden sexan atendidas".