Escoitar

O goberno de Vigo contrata obras de mellora na rúa Esperanto

A Xunta de Goberno Local deste venres deu luz verde á clasificación de ofertas para a contratación dos traballos de reparación e mantemento no vial, cun importe de 172.000 euros. Ademais, o Concello validou un acordo cos comerciantes de "Zona Centro" para a contratación de oito profesionais.

venres, 29 xul 2016
O alcalde informou este venres dos principais asuntos acordados na Xunta de Goberno Local, entre os que salientou a clasificación de ofertas -antiga adxudicación provisional- para a contratación das obras de reparación e mantemento na rúa Esperanto, melloras ás que adica 172.000 euros.

Cun prazo de execución estimado en dous meses, o goberno de Vigo propón a completa reparación do vial, substituíndo a impermeabilización. O obxectivo principal da remodelación é a impermeabilización da lousa que evite filtracións de auga aos garaxes situados baixo a rúa.

Outros acordos
Segundo informou Caballero, o Concello validou a clasificación de ofertas para o mantemento e reparación dos contedores soterrados da cidade. O executivo local adica 71.000 euros para un contrato dun ano, prorrogable por outro, para o control dos equipos e instalacións soterradas, 222 unidades en Vigo, con especial énfase nos sistemas de seguridade.

O mesmo trámite administrativo aprobou o goberno vigués para o contrato de prestación de servizos de educación permanente para adultos, por 70.000 euros para a alfabetización de adultos. "É emocionante estar con eles", apuntou Caballero, quen subliñou que son na súa maioría mulleres que habitualmente solicitan ampliar o programa. "Estamos encantados de ter feito esta licitación".

O goberno de Vigo tamén deu o seu visto bo a tres proxectos de convenio entre a administración e diferentes entidades. En primeiro lugar, o acordo coa Corporación Hijos de Rivera para colaborar no programa de festas de verán de Vigo, nas que a entidade coopera con 100.000 euros. En segundo lugar, o Concello achegará 15.000 euros para apoiar as actividades do sindicato vigués de Comisións Obreiras.

O último convenio aprobado é o que será rubricado coa Asociación de Comerciantes Zona Centro de Vigo, no marco dos plans de emprego do Concello para a potenciación do comercio da zona. Segundo o texto, o goberno de Vigo destinará 50.000 euros o que permitirá a contratación de oito profesionais que proceden do desemprego. "Seguimos xerando emprego a través do Plan de Emprego, un gran proxecto que está a funcionar excepcionalmente ben", asegurou o alcalde.