Escoitar

O goberno de Vigo convenia unha achega de 600.000 euros da Deputación para a UNED

O goberno local aprobou este venres o texto do convenio entre o Concello e a Deputación segundo o cal o organismo presidido por Carmela Silva achegará ata 600.000 euros para acondicionar a sede viguesa da UNED no Auditorio Mar de Vigo e a sala de lectura-biblioteca, que será "a máis grande de Vigo".

venres, 29 abr 2016
A Xunta de Goberno Local celebrada este venres validou o convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra para realizar obras de acondicionamento do novo local da UNED.

Informou Abel Caballero que o acordo estipula unha achega máxima do ente provincial de ata 600.000 euros, que serán empregados no acondicionamento das prantas do Auditorio Mar de Vigo que acollerán as aulas da UNED e a biblioteca-sala de lectura, de uso aberto a toda a cidadanía.

O alcalde vigués recordou que Vigo conta xa con cinco carreiras da Universidade Nacional de Educación a Distancia (Dereito, Enxeñería en Tecnoloxías da Información, Enxeñería Informática, Turismo e Educación Social) ás que se suman outras oito (Estudos Ingleses, ADE, Ciencias Ambientais, Psicoloxía, Ciencia Política e da Administración, Xeografía e Historia, Pedagoxía e Historia da Arte. Caballero avanzou que de cara ao próximo ano o goberno que preside solicitará á UNED que Vigo acolla outros cinco graos máis.