Escoitar

O Concello adxudica provisionalmente a concesión do aparcamento da Praza de Portugal

Segundo informou este venres Abel Caballero, a Xunta de Goberno Local aprobou a clasificación de ofertas para a contratación do servizo, paso previo á adxudicación definitiva da concesión. Entre outras, o Concello esixe á empresa que resulte adxudicataria a reforma do aparcamento, un elevador con saída á Praza de Portugal e unha escaleira que una a rúa Uruguai coa nomeada praza.

venres, 29 abr 2016
O goberno de Vigo validou este venres a clasificación de ofertas -antiga adxudicación provisional- para a contratación da concesión do aparcamento baixo a Praza de Portugal.

Abel Caballero recordou que a empresa que finalmente gañe o concurso público deberá reformar o aparcamento nun prazo de cinco meses, incluindo melloras como a construción dun ascensor con saída superior á Praza de Portugal -para facilitar a accesibilidade- e habilitar unha escaleira que conecte este coa rúa Uruguai.

O Concello de Vigo require da concesionaria un mínimo de 179 prazas para vehículos e outras 27 para motocicletas. Destas, é obrigada a reserva mínima de seis estacionamentos para discapacitados.

Violencia de xénero
Caballero tamén deu conta de sendos convenios aprobados na Xunta de Goberno Local desta mañá. Por unha banda, o Concello acorda achegar 15.300 euros á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos para apoio, acompañamento e atención á vítimas de violencia de xénero.

En segundo lugar, o goberno de Vigo deu luz verde á colaboración coa Asociación Mulleres Progresistas de Vigo, un apoio de 18.500 euros ás usuarias das vivendas de protección para vítimas de violencia de xénero.