Escoitar

Caballero amosa a súa preocupación polas consecuencias da marcha de Maersk a Marín

O alcalde considera que o traslado da actividade da armadora danesa ao porto de Marín é "o golpe máis forte que recibiu o porto de Vigo na súa historia", polo que lle propón ao presidente da Autoridade Portuaria que convoque ao Consello de Administración e urxe á Xunta e ao Ministerio a que actúen.

luns, 11 abr 2016
Abel Caballero informou este luns da conversa telefónica mantida co presidente do Porto de Vigo, Enrique López Veiga, a quen lle propuxo a convocatoria do Consello de Administración da Autoridade Portuaria, de forma urxente, para dar conta do que está acontecendo e buscar posibles solucións, tras o anuncio de Maersk de trasladar a súa actividade a Marín.

Para o rexedor, a marcha da armadora danesa é dunha "gravidade case imposible de describir; o golpe máis forte que recibiu o porto de Vigo na súa historia" xa que, segundo explicou, a metade dos contedores que entran no porto de Vigo e que abastecen e moven os produtos da economía deste territorio van cambiar de espazo así que "a marcha dunha parte importate da economía de Vigo" verase afectada polo cambio. Ademais, referiuse ás dúbidas que están xurdindo a raíz da decisión de Maersk no referente ás adecuacións técnicas doutras zonas que estean en disposición de facerlle fronte a un volume de contedores da envergadura da que é quen de mover a citada empresa.

Caballero manifestou a "preocupación inmensa" que vive o sector da pesca xa que "máis da metade da pesca conxelada que entra e sae de Vigo vén con Maersk", polo que urxiu ao Ministerio de Fomento e á Xunta de Galicia a que actúen e "expliquen o que está sucedendo e o porqué desta desviación da actividade do porto de Vigo a Marín".