Escoitar

Vigo prepárase para celebrar a Reconquista 2016

A cidade comeza a conta atrás para a Festa da Reconquista da Vila de Vigo, que tomará as rúas do Casco Vello na primeira fin de semana de abril, os días 2 e 3. Ademais das representacións, a organización programa o tradicional mercado, espazos infantís, música nas rúas e demostracións de artesanía. A mostra "Retallos da nosa historia" xa está aberta, na Casa Galega da Cultura.

mércores, 23 mar 2016
1458756710cartelreconquista.jpg
Cartel
Os actos centrais da festa terán lugar na fin de semana do 2 e 3 de abril. Para o sábado e o domingo, a organización programa o tradicional mercado, unha foliada infantil na Praza da Pedra, espazo infantil no Berbés, demostracións de artesanía con vinte oficios tradicionais, música e baile polas rúas da zona vella e, por suposto, a representación da saída das tropas e as escaramuzas coa veciñanza, e a representación da Reconquista da Vila de Vigo.

Durante as xornadas do sábado e do domingo haberá actividades musicais na sede da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello e no "Espacio Mahou", en Eduardo Chao, xunto a 15 grupos de música tradicional actuando polas rúas e prazas do casco histórico vigués.

Actividades previas
Desde o 17 de marzo está aberta a mostra "Retallos da nosa Historia" na Casa Galega da Cultura. O obxectivo desta exposición é dar a coñecer pequenos fragmentos da nosa historia que, unidos, formen unha imaxe de como vivían e vestían os nosos antepasados. A mostra recrea dúas actividades cotiás do rural: lavar a roupa nun pilón ou lavadoiro, o que se denominaba "Ir ao río"; e a despensa do campo, o canastro, cañizo, hórreo, etc, dependendo da zona onde nos atopemos.

Para o mércores 30 deste mes farase o ensaio xeral da gran representación teatral que recrea o feito histórico e, ao día seguinte, o xoves 31, terá lugar a "Reconquistiña", con máis de 300 nenos e nenas de quinto e sexto de Primaria participando nunha ruada polo Casco Vello.
1458756710cartelreconquista.jpg
1458756730planoreconquista.jpg
Descargar todas as imaxes