Escoitar

O alcalde salienta o "despegue" do aeroporto que rexistra unha alta ocupación nesta Semana Santa

Os voos con destino a Gran Canaria, Roma e Londres que comeza a operar Air Nostrum durante este período vacacional rexistran unha ocupación de entre o 70 e o 90% e as conexións de Ryanair con Boloña e Dublín, que se inician en abril, superan o 90%. Para Caballero esta é unha semana "importante" e confirma que Peinador "medra máis ca ningún aeroporto".

mércores, 23 mar 2016
O aeroporto de Peinador estrea este mércores os voos con destino Gran Canaria, que opera a compañía Air Nostrum, e mañá xoves día 24 comezan a funcionar as rutas con Roma e Londres da mesma aeroliña. Segundo informou Abel Caballero, a ocupación das tres rutas é alta xa que Gran Canaria rexistra case un 90%, ao igual que Londres, e Roma ten máis dun 70% de ocupación e, de feito, apuntou que unha das viaxes dende a capital italiana a Vigo está "ocupada na súa totalidade". As tres conexións de Air Nostrum, dispoñibles durante a Semana Santa retómanse no mes de xullo.

As novidades de destinos do aeroporto continúan no mes de abril cando entran en funcionamento as rutas de Ryanair con Boloña, o día 1, e Dublín, o 3 de abril e que, segundo sinalou o rexedor rexistran "entre o 90 e o 100% de ocupación". Estas estarán operativas ata o final do verán, ao igual que as novas conexións que inaugura Air Nostrum no mes de xullo con Alacante, Bruxelas e Menorca, que se suman ás que xa veñen funcionando con Bilbao, Sevilla e Málaga.

Abel Caballero salientou nesta "semana significativa e importante" o "despegue do aeroporto, que crece máis ca ningún".