Escoitar

O Concello outorga a Conxemar a Medalla da Cidade e nomea sete Vigueses Distinguidos

A Corporación Municipal aprobou este martes a concesión da Medalla da Cidade a Conxemar e a designación de Vigueses Distinguidos a APAMP, Comesaña Sporting Club, Down Vigo, Astilleros Cardama, Menchu Lamas, a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo e Cáritas Diocesana Tui-Vigo. O rexedor felicitou aos condecorados por recibiren "o recoñecemento da cidade polo seu traballo, atención e presenza en Vigo".

martes, 22 mar 2016
O Pleno Extraordinario do Concello aprobou este martes por unanimidade a concesión da medalla da cidade e o nomeamento de Vigueses Distinguidos do ano 2016, cos abstención de Marea de Vigo á proposta de Astilleros Cardama.

Os grupos municipais do PSOE e de Marea de Vigo rexeitaron a proposta do grupo popular de condecorar a Red Madre como Vigués Distinguido. No seu lugar, recibirá a distinción, a proposta dos socialistas, Cáritas Diocesana, decisión tomada en ausencia do Partido Popular.

Así a a lista de condecorados nesta edición queda como segue: Conxemar recibirá a Medalla da Cidade e os Vigueses Distinguidos son: APAMP, a asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral, o Comesaña Sporting Club, Down Vigo, Astilleros Cardama, Carmen Lamas Pérez (Menchu Lamas), a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo e Cáritas Diocesana Tui-Vigo.

O alcalde trasladoulles ás persoas, grupos e institucións premiados "a nosa felicitación por recibiren o recoñecemento da cidade polo seu traballo, atención e presenza en Vigo" e por teren amosado "dedicación, arraigo e permanencia na cidade".