Escoitar

Caballero "invita á cidade" a gozar do I Supercross+Freestyle que se organiza o 9 e o 10 de abril no Ifevi

Máis de cen pilotos nacionais e internacionais estarán en Vigo para o I Supercross + Freestyle, que se celebrará no IFEVI na última fin de semana do XXV Salón do Automóbil e Motocicleta de Vigo, os días 9 e 10 de abril. Logo de felicitar aos organizadores, Caballero animou a toda a cidade a gozar dun espectáculo que "desafía as leis da gravidade e fai posible o imposible".

martes, 15 mar 2016
1458050853galiexpo.JPG
Abel Caballero animou a toda a cidade a asistir ao I Supercross + Freestyle que se organizará os días 9 e 10 de abril, dentro da XXV edición do Salón do Automóbil e Motocicleta, no Ifevi. Ademais de felicitar aos organizadores do certame, que este ano cumpre un cuarto de século, Caballero loubou un espectáculo que "desafía as leis da gravidade e fai posible o imposible". Na rolda de prensa tamén estiveron presentes a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen tamén animou a acudir o Ifevi; o secretario xeral para do Deporte, José Ramón Lete; José Manuel Fernández Alvariño, presidetne del Comité organizador; José Enrique Elvira, director do Salón; Arsenio Prieto, xerente do Ifevi; Jorge Martínez, director territorial de Abanca e David Dagan, director técnico do Supercross.

O 25º aniversario do Salón do Automóbil e Motocicleta de Vigo vivirase con emocións fortes co gran espectáculo que terá lugar o último fin de semana da feira, os días 9 e 10 de abril, ao organizarse un supercrós e unha exhibición de freestyle no pavillón 3 do IFEVI.

Este recinto albergará unha pista de terra xabre, cunhas dimensións de 100 metros de longo por 35 de ancho, que está deseñada por Gabriel Villada, ex piloto de Freestyle e Motocrós e autor de varios circuítos de probas en coliseums, areas e recintos pechados en toda España.

Así, o público que se achegue ao Instituto Feiral de Vigo poderá gozar, sentado comodamente en bancadas, de dous tipos de probas: as carreiras de motocrós e as exhibicións de acrobacias de estilo libre, con dous pases na tarde do sábado (ás 17,00 e ás 20,30 horas) e outros dous na tarde do domingo (ás 16,30 e ás 19,00 horas).

O prezo das entradas será de 10 euros para nenos -de 4 a 10 anos- e de 15 euros para adultos en venda anticipada ata a véspera do evento (www.ataquilla.com) e de 15 e 20 euros, respectivamente, no despacho de billetes do Ifevi os días do espectáculo. Estas entradas serven ademais para acceder ao XXV Salón do Automóbil e Motocicleta de Vigo na mesma tarde, polo que se pode gozar dunha xornada completa dedicada ao mundo do motor.

Carreiras emocionantes
As persoas que asistan en cada sesión vibrarán coas carreiras de motocrós sobre un circuíto repleto de dificultades, cun trazado composto de dubbies, mesetas, dobres saltos e o montículo central, que achegará gran espectacularidade. Nas devanditas probas participarán máis de 100 pilotos en total, distribuídos nestas categorías: 65 cc, 85 cc, hobby (principiantes), promoción, elite e veteranos.

Isto garante ata 6 carreiras en cada pase de público, con 12 a 15 voltas de competición e grellas formadas por unha quincena de motos, todo o cal xerará moita emoción e intensidade ás competicións. Os gañadores designaranse cos mellores tempos de cada día, nun único podio diario.

A Dagan Cup é unha das competicións máis importantes do norte español en motocrós e supercrós e reúne ano tras ano aos mellores pilotos do noroeste español, de onde saen grandes promesas e realidades do motocrós español e europeo, como Rubén Fernández ou Joel Antón.

Estarán presentes entre outros o campión andaluz de 85 cc, David Gómez Merino, os campións holandeses Randy Oostrom (elite), Danny V Mel (veteranos) ou Leon Noorman (promoción), ou o campión de Francia e Cataluña, Eugenio Zafra.

Acrobacias no aire
Doutra banda, as exhibicións de Freestyle Motocrós (FMX) ou acrobacias de estilo libre, traerán a Vigo aos mellores riders internacionais e nacionais, como William Van dean Putte, participante habitual no Freestyle Nitro Circus, que dirixe un mito como Travis Pastrana, ou auténticos mestres do estilo libre como Javi Jabato, Jorge Bravo ou Raúl Lerena para deleitarnos coas acrobacias máis espectaculares.

Entre os saltos acrobáticos están garantidos figuras como whips (encartadas), supermanes, tsunamis e backflips, ademais dalgunha sorpresa, xa que os pilotos sempre tratan de lucirse. Os saltos chegarán aos 11 metros de altura, con longos de 21 metros, dadas as características da pista.

Sen dúbida, este Supercrós + Freestyle, cuxa parte técnica conta coa garantía de Dagan Off Road, un dos organizadores deste tipo de eventos máis acreditados da moto Off Road en España, será un gran colofón á XXV edición do Salón do Automóbil e Motocicleta.

A venda anticipada de entradas poderá efectuarse tamén na web www.eventosmotor.com, onde se recolle máis información desta proba e do propio Salón do Automóbil e Motocicleta de Vigo.


Descargar todas as imaxes