Escoitar

O alcalde eloxia a elección de Vigo como sede do II Encontro do Cluster de Turismo de Galicia

O alcalde de Vigo e a presidenta da Deputación de Pontevedra presentaron este martes a cita que acollerá o Mar de Vigo o próximo 17 de marzo, coa temática "Obxectivo 5 millóns: retos e oportunidades da comercialización e tecnoloxía do destino Galicia". Abel Caballero avogou por facer do turismo "a panca de acción económica que en Vigo nos corresponde".

martes, 15 mar 2016
1458050596cluster.JPG
Durante a rolda de prensa deste martes, o rexedor vigués definiu o turismo como "inmensa panca da economía e da relación entre os territorios e as persoas" e un "factor de xeración económica de primeira magnitude", ao tempo que salientou a "altísima calidade de oferta turística" que proporciona Vigo en Galicia, en particular singularizou Caballero as Illas Cíes. O alcalde tamén subliñou a importancia do aeroporto de Vigo no "lanzamento da promoción turística" e felicitouse polo crecemento que está a rexistrar nos primeiros meses do ano.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, valorou o "gran interese" que espertou este encontro, superando as inscricións previstas ata chegar ás 350, unha cita na que se debaterá sobre comercialización turística: tendencias, retos, oportunidades e mercados de interese. "A nosa posición turística é relevante, pero as posibilidades o son aínda máis", asegurou Silva, quen concluíu que, "o 17 de Marzo, Vigo vaise converter na capital da aposta polo turismo de Galicia".

O II Encontro está organizado polo Cluster Turismo de Galicia en colaboración coa deputación provincial e profundizará, como avanzaba Silva na súa intervención, nos retos e oportunidades que ofrece a comercialización do destino turístico, dando unha visión xeral das tendencias, propoñendo solucións ao reto que supón as novas tecnoloxías e analizando os mercados de interes para Galicia.

Xunto a ponentes vencellados con Visit London, Madrid Convention Bureau ou Segittur, a xornada sumará mesas redondas adicadas ao análise dos mercados de interese para a comercialización da oferta turística galega, como pode ser o mercado inglés, alemán ou americano, e abordará as ferramentas tecnolóxicas dispoñibles para mellorar no obxectivo turístico.
Descargar todas as imaxes